Unha de Tangos
Seguindo o tango do mestre Carlos Gardel, parece que as miñas pernas me queren “Volver” (levar) a sitios que hai tempo deixaron de estar moi presentes na miña vida. Non sei se son elas, a cabeza, a casualidade, o destino... Non sei o que é, pero si é certo que na última semana e media pasei por lugares que me recordaron moitas vivencias da miña infancia (e non tan infancia). Aventuras e momentos bos, malos, agradables, moi agradables, simpáticos, de amigos, de non tan amigos, cariñosos, afectivos, inesquecibles... que marcaron unha etapa longa da miña vida.
Supoño que todos temos gardados na nosa memoria aqueles espacios nos que vivimos intres importantes da nosa existencia que axudaron, tamén, a marcar e forxar a nosa personalidade, a maneira de ser, de encarar as cousas, de comportarnos...
Aínda que -como digo- seguro que todos temos eses instantes e espacios moi ben gardados na memoria e na retina, é moi posible que se tiramos da retina, as cousas xa non estean como antes. Outros nenos son os que agora disfrutan deses recunchos máxicos, que por desgracia -para ben ou para mal- cambiaron e dificilmente voltarán a ser o mesmo. “Caminito que entonces estabas / bordado de trébol y juntos en flor / una sombra ya pronto serás...”, dicía o propio Gardel noutro dos seus tangos.
No meu caso mudaron bastante, pero mantense a esencia. Os nenos seguen xogando ao fútbol na Xunqueira, pero agora fano con liñas pintadas mentres que as árbores deixaron de marcar os fóras de banda. Iso si, as dimensións tanto do campo como da zona de aceas, xuncos e montículos que o rodeaban, e no que tan ben o pasabamos argallando coas bicicletas reducíronse, deixando paso a un fermoso paseo fluvial.
O regato co que tiñamos que pelexar para recuperar os balóns cando caían nel, xa nin regato é. O pequeno bosque de salgueiros, pinos, eucaliptos,... pegado á desembocadura do río (o noso eterno debate de se alí era río ou xa se podía considerar ría, aínda llo o escoitei a uns vellos cando paseaba o outro día por aquela zona) que servía de perfecto solar para establecer unha caseta/chabola/chamizo ou como lle queirades chamar no que pasamos tardes e tardes de verán, e moitos sábados do resto do ano, foi cortado e empeza a albiscarse o crecemento, pouco a pouco, das novas especies plantadas As casas a medio facer que nalgún tempo nos serviron para xogar ao escondite, agora están rematadas e habitadas.
Aquela pradeira na que os nosos pais nos deixaban ir as primeiras veces que celebramos unha festa tan característica de Viveiro coma o Domingo das Tortillas (conmemórase o domingo anterior ao Domingo de Ramos e faise para dar a benvida á Primavera), alonxados do bullerío das praias e montes míticos aos que ían os rapaces de maior idade.
Non deixa de ser característico, que a maioría destes lugares nos que tanto tempo pasamos e tan ben o pasamos están moi preto de onde seguimos vivindo, pero non lles damos agora a maior atención. Polo menos a min é o que me ocorre.
Creo que tiven sorte de darme conta agora, porque dentro duns dez anos (“veinte años no es nada...”, cantaba Gardel) non sei que poderá ser de todo esto. No meu caso o cemento vai gañando metros e celebracións tan autóctonas do meu pobo como a que antes vos dicía estanse a perder, pasando a ser un simple botellón coa diferencia de que se celebra un domingo e dende que comeza a amencer.
Por iso, se estades nunha situación parecida á miña, anímovos a que deades unha volta por eses sitios. De seguro que facedes uso da memoria recordando aqueles vellos tempos e pasades unha boa tarde. É unha experiencia moi agradable e máis se o facedes en compaña dalguén que pasou aquelas tardes convosco.
Pero non só me quedei niso. Tamén vos invito a que recuperedes actividades que faciades de pequeno. Eu fíxeno o sábado pasado. Había tempo que non collía a bicicleta para dar un paseo largo como facíamos candos eramos pícaros de 15 anos. Iso si, coidado con actividades de risco deste tipo. O cabrón do sillín non perdoa e a dor na zona (bueno, nesa zona) o domingo, era un pouco incómodo. Todo será facer callo. :)
E, aínda hoxe, despois de tres anos sen facelo entrei de novo no meu Instituto. Aquí non foi por vontade propia, senón por culpa da Escola de Idiomas e as Certificacións Oficiais que me estuveron toleando toda a mañá. Da gusto volver aos sitios e ver que antigos profesores e traballadores do centro (as de cafetería, sobre todo) che seguen gardando aprecio. Sobre todo, o conserxe que me safou unhas fotocopias gratis. :).
E xa postos a recordar e animarvos a facer cousas, eu aínda me acordo de cando a gasolina custaba menos de 100 pesetas. Aproveitade estes días para encher os depósitos de gasoil e gasolina. Había tempo que non estaba o primeiro a 0,95 céntimos e o segundo a piques de baixar da barreira do €/litro (1,009 concretamente).
PD: Mañá marcho para Canarias pasar unha semana e seica os restos dun furacán me van acompañar aló polas alturas. E mira que a min era o mesmo aínda que non me acompañara. ;).
Seguro que no avión recordarei Túnez e, por suposto, me acordarei de todos vos e do que significou aquela excursión para min.
Un saúdo.


Carlinhos dijo
Tienes toda la razón del mundo mei frrrriend...Que gratos recuerdos endulzados por la memoria...joder, si casi estoy llorando... ais...nostalgia...
"Penelopeeee, con su bolso de piel marrón, y sus zapatos de tacoooon....y su vestido de domiiiiingoooooo..."
...cuantas ganas de veros tngo...
21 Septiembre 2006 | 11:06 AM