La rica salsa canaria se llama...
Mighelinho
Xa sei que moitos dos que habitualmente entrades neste blog sabedes bastante dalgunhas das miñas aventuras que vou contar, pero co risco de ser pesado vouvos comentar como foi a miña experiencia de sete días polas Illas Afortunadas. Máis que polas illas, pola illa de Gran Canaria.
O meu periplo canario comezaba o pasado 21 de setembro coa ameaza do "Gordon". Deiteime relativamente cedo, xa que ao día seguinte me tiña que levantar ás 9:00 para saír cara Lavacolla. Non sei o por que pero practicamente non peguei ollo. Penso que foi máis polo gusanillo e as ganas de volver a voar que polo medo ao "furacán". Sobre todo, temía que tiveran que desviar o vo das Palmas e o noso se retrasara.
Á medianoite non se movía unha folla. Nin rastro do bo do furacán. E así foi que me deitei escoitando a RG. Aquilo parecía de cachondeo. Á 1 da mañá anunciaban que o "Gordon" non faría a súa entrada en Galicia ata as 4. Ás 4 da mañá anunciaban que non sería ata 2 horas máis tarde e ao final non fixo acto de presenza ata ben entradas as 7:00 da mañá.
Na Mariña a penas se deixou notar (algunha racha de vento forte que tirou algún contedor e pouco máis). Non era algo que non tivera ocurrido máis veces nun temporal galego en inverno. Así foi que, sen ningunha incidencia, saímos de Viveiro ás 9:30 cara Santiago. O día foi intenso. O noso vo partiu ás 13:45 e chegamos ao Aeroporto Internacional de Gran Canaria ás 16:15 (unha hora menos alí). O vo transcorreu sen ningún tipo de incidencia e o aterrizaxe moloume moito. Baixamos sobre o mar e no último momento cando parecía que íamos tocar auga foi cando alcanzamos a pista. Impresionante. A pesar de non ter ningún tipo de problemas meu pai ía cagadiño cagadiño. Fixo un gran esforzo. Hai que reconocerllo. Miña mai e máis eu pasamos tamén medo, porque tiñamos medo a que lle dera algo. Parece unha coña, pero mirou máis de dúas mil veces ao reloxo, que en dúas horas e media ten mérito. Como xa anticipara nalgunha entrada anterior, esta viaxe recordoume a primeira vez que subira en avión. O viaxe a Túnez. Os avións de Tunisair son máis amplos que os de Spanair, xa volo aviso por se algunha vez volades con esta compañía, pero as azafatas canarias son máis atractivas. ;) Non sería o único recordo daquel viaxe norteafricano.
Ás 18:oo (hora insular) chegamos aos bungalows onde estabamos repartidos case toda a familia. Bungalows para catro persoas que estaban moi ben e cunhas vistas fermosas. Tiven, durante sete días, diante miña a inmensidade do Atlántico e das acantiladas costas canarias.
Pouco puidemos facer este primeiro día ademais de colarnos no parking privado dun Shopping Center montado única e exclusivamente (practicamente se podería dicir) para os guiris. Houbemos de esperar a que entrara outro coche para que se nos abriran as portas e escapar dalí.
O segundo día (venres) si que empezamos a ubicarnos un pouco mellor. Tivemos unha comida as dúas familias (os máis próximos) nun Cortijo xa próximo á capital (nós estabamos en Maspalomas que está no Sur da illa, mentras que Las Palmas está na punta NL) que se chamaba "Cinco Jotas". Cortijo cun impresionante campo de golf pegado. É incrible. Alí tiran de desalinizadoras. A agua non é tan mala como a de Túnez, pero non é nin de lonxe como a que disfrutamos por aquí; pero así e todo hai unha cantidade inxente de campos de golf. Resulta paradóxico ver un campo de golf co seu céspede moi ben coidado e moi ben verde e ao seu redor ollar todo pedregroso, gris, volcánico. Insólito.
Logo desta comida pasamos a maior parte no Carrefour de Vecindario (poboación na costa central da illa, xusto no medio do camiño entre Las Palmas e Maspalomas e moi próxima ao Aeroporto).
Neste segundo día foi cando comprobei que, a pesar de ter unha cama libre na que ninguén durmía si que ía ter un compañeiro inesperado. Non era outro que un cabrón dun grilo que non calou un día ata aló das 5 da mañá. Menos mal que me afixen a quedarme durmido no salón vendo a televisión e cando subía para a cama xa estaba calado.
O terceiro día foi o da voda. Impresionante todo o tinglado que montaron ao redor. A voda foi de película. Por algo se celebrou nun hotel de 5 estrelas e supoño que non lles sairía barato. Que si triple recibimento aos mozos no hall do hotel, no lugar onde se serviron uns canapés e uns ricos cócteles (actuación de mariachis incluida) e máis no restaurante onde se celebrou o banquete; que si fachos (a voda foi de noite) colocados no paseo que nos levou á zona dos canapés entre as marabillosas piscinas do Gran Hotel Meloneras, etcétera etcétera.
Iso sí, xa íamos avisados e confirmouse o augurio. Non se come nin a metade que nas vodas galegas. E cando digo nin a metade refírome tanto á calidade dos pratos como á cantidade. Pero, ao César o que o do César, a tarta estaba boísima. Tiña un recuberto de chocolate branco que estaba boísimo. Sabeme demasiado o chocolate branco (e ollo que non teño nada contra o negro). ;)
Despois do banquete tocou a festa na Discoteca do Hotel que estaba reservada só para nosoutros. A pesar de que había barra libre, non bebín nin desmadrei. A verdade é que estaba bastante cansado e como xa sabedes moitos, o non ir os meus primos máis próximos á miña idade é o que ten. Por certo, durante a festa soou a canción de Celia Cruz, "La vida es un carnaval". Por un momento pensei que estaba na Locomotive. E o día despois ocorreume o mesmo cando paseaba polo paseo marítimo e escoitei aquela mítica canción da "Muchacha Turca" que acaba cunha especie de dous bicos ao aire que botaba o cantante.
O día seguinte foi para durmir toda a mañá e pola tarde fixemos a primeira "visita cultural". Acercámonos a Puerto de Mogán, unha pequena vila mariñeira no SurOeste da illa, cerca dos pobos de Puerto Rico e Arguineguín (para os futboleiros este é o pobo de Valerón e Silva). A verdade é que o porto aquel era precioso e as casas tamén estaban moi chulas. Cada unha dunha cor distinta. Esa coloridade transmitía alegría, a pesar de que xa estaba atardecendo. Alí ofrecíase a posibilidade de ir dar un paseo nun submarino vendo os fondos mariños canarios. Non nos deu tempo a facelo.
Esta primeira saída xa me empezou a poñer no camiño das verdadeiras estradas canarias (se sacamos a autovía). A estrada esta ía recorrendo toda a costa por uns acantilados que pouco lle teñen que envexar aos de San Andrés de Teixido. O firme era bo pero a estrada era moi estreita. Con dicirvos que os autobuses tiñan que pitar nas curvas para dar aviso de que entraban, creo que xa é suficiente para darvos unha idea das dimensións das vías canarias. Ademais non taludan a carretera polo que se te despistas un pouco ao non haber arcén é doado que te quedes sen un espello retrovisor se te acercas moito á beira. E tamén tiven a oportunidade de ver un túnel completamente natural. De alto collía un autobús e punto. De ancho collían dous coches, pero non un coche e un autobús, pero nin se preocuparon por facelo un pouco máis ancho. O camiño de regreso foi impresionante. En cada colina había unha urbanización construida de arriba a abaixo da montaña. Xa anoitecera e todos aqueles edificios coas luces accesas era un espectáculo digno de ver.
Este primeiro aviso non foi nada vendo o do luns. Saímos a media mañá a visitar o interior da illa. E fíxemolo (soubémolo uns días despois)pola peor carretera de Gran Canaria. Aquela carretera estreita, sen liña no medio e colgada sobre degolladas, barrancos e desfiladeros púxomos de corbata en máis dunha ocasión. Ademais o non poder conducir eu, acrecentoume esta sensación. O mellor de todo foi a visita a un poboado guanche que fixemos ao pouco de saír de Maspalomas. De feito, temos unhas boas panorámicas de todas as Dunas de Maspalomas, a Praia do Inglés e os complexos hostaleiros que por alí se estenden. Pero desde o poboado guanche ata que chegamos aos bungalows non fiquei tranquilo. Visitamos Fataga, San Bartolomé de Tirajana, Tejeda e o famoso Roque Nublo (un dos puntos máis altos de Gran Canaria -1.862 m.). Con dicirvos que en 30 km. subimos dende o nivel do mar ata esos 1.800 metros xa volo digo todo. E contando que as montañas dalí non son redondeadas e suaves (todo o contrario) e non teñen arboleda nas beiras, o que acrecenta a sensación de medo ao ver todo o barranco.
Pasado este susto, o día seguinte -martes- acercámonos á Capital. Las Palmas sorprendoume. Non cría que fora tan grande e a verdade é que desde o alto da torre da Catedral obsérvanse unhas vistas incomparables e impresionantes. Dicen os de Vigo que hai moitas pendentes. Non che quero dicir alí. A cidade está montada sobre catro colinas e os seus correspondentes barrancos. Parecía a mítica cidade de favelas do Brasil. Casas vellas e cunha construcción máis ben pobre. É lóxico, xa que habitualmente non teñen problemas coas choivas e ademais non traballan con ladrillos, senón que con bloques. Vendo aquilo entendo os problemas que tiveron hai un ano cun furacán que pasou e afectou a todo o arquipélago (tirando incluso co Dedo de Dios, que está -ou mellor dito estaba- na parte NorOeste da illa de Gran Canaria entre o porto de Agaete e Gáldar) e que levou a vida de sete persoas (seis delas no medio do Atlántico a bordo dun cayuco)e tamén deixou moitos danos materiais.
Logo de visitar a capital acercámonos a Arucas. É un dos lugares por excelencia onde se fai o ron canario e hai boas plantacións plataneiras por toda aquela zona. Nesta cidade comimos e vimos a súa catedral, que se comezou a construir a principios de século pasado e aínda está sen rematar. A súa arquitectura é parecida á da Sagrada Familia (e non só polas grúas que ten ao redor). Logo subimos á montaña de Arucas. É unha especie de peñón que domina toda aquela comarca, e serve de fenomenal mirador da península sobre a que se asenta Las Palmas de Gran Canarias (a aqueles que coñecedes o plano da cidade da Coruña, a península de Las Palmas é moi similar). Finalmente, acercámonos a Firgas e a Teror. O último pobo era moi bonito e alí ensináronnos os típicos balcóns canarios. Destacan estas dúas cidades por ser onde están os maiores manantiais de agua para o consumo de Gran Canaria.
Así as cousas o último día antes de partir -mércores- adiqueino ao relax. Fun xunto con dous familiares máis a un aquapark. Pasamos cerca de catro horas e, a verdade é que nos botamos unhas risas bárbaras a pesar de que nos confundimos de instalación. Digamos que fumos á segundo mellor. Polo menos aforramos 7 €/persoa. O peor de todo é que insconcientes de nós, non levamos crema solar e pillounos un pouco o Sol. Así é que agora (unha semana despois) como sempre me soe ocurrir estou pelando polas costas.
Á tardiña e xa de volta no "campamento base" tuven o, practicamente, meu único contacto coa praia. Acercarme a sacar unhas fotos a unha delas e ao paseo marítimo e chiringuitos que tiña ao lado. Xa era tarde para bañarse, pero meu pai que se bañara unhas horas antes dixo que o que máis destacaba era a súa temperatura (bastante quente) e o alto índice de salitridade (ou como se diga) que tiña a auga.
O xoves acabouse a nosa estancia en Canarias. Saímos de Gran Canaria ás 9:00 (hora insular)cando comezaba a quentar un sol de xustiza e había 23 graos e chegamos ás 11:50 a Lavacolla (12:50 hora galega) con choiva e 17ºC.
Para rematar comentarvos unha serie de cousas que me chamaron moito a atención de Canarias e dos canarios, con respecto a Galicia.
Eu recordo que cando era pequeno e pedía unha auga nun bar, preguntábanme se con gas ou sen gas. Agora aquí xa non é así (polo menos en Viveiro e Pontevedra), pero alí ségueno conservando. Outra cousa que me chamou a atención de bares e restaurantes é que non encontras palillos por ningún lado. Tes que pedilos para que chos traian. O mesmo ocurre co pan cando vas comer.
Despois no xeito de conducir que teñen fíxome gracia como o fan pola autovía. Tómano con calma, non se poñen nerviosos como por aquí. Que queren adiantar e o coche que vai pola esquerda non da adiantado ou non se volve ao carril da dereita, eles adiantan pola dereita sen ningún tipo de problema. Esto na AP-9, por exemplo, é impensable. 500 metros antes (é unha esaxeración, a ver quen é o guapo que atopa medio kilómetro seguido sen curvas na AP-9) o coche que ven atrás xa está dando as luces para que te apartes e senón o fas cando se che pega, literalmente, ao cu pitache, ves ao tipo que se caga en todos os santos e por suposto na túa persoa e non che da por detrás porque soen ser conductores de BMW's, Audi's ou Mercedes e doelles o coche (lóxico que lles doa).
E a última cousa que me chocou é a proliferación de música do estilo reggaeton, merengue, bachata, etc.; así como os culebróns. Hai radios que estaban todo o día co machaqueo de reggaeton.
No dos culebróns parece ser que moitos deles, antes de emitilos para toda España, soen pasalos pola Territorial Canaria e se teñen éxito expórtanse a todo o Estado. Parecía que estabamos no Caribe e a xente tamén daba a sensación de ser moi calmada. Xa sabedes como o de "me estáis estresando". Supoño que será cousa da calor.
Ahh, por certo, que xa me esquecía. La rica salsa canaria se llama Mojo Picón.
Un saúdo.


dani dijo
como es posible que en todo ese tocho que te acabas de marcar no contases nada de la camiseta de rejilla??
pero si ya me sé esa anécdota de memoria... no me creo que no la hayas compartido con todos los demás
5 Octubre 2006 | 08:20 PM