Despois de ler unha reportaxe na Revista de Novas Tecnoloxías de Galicia (Código Cero), pareceume interesante facer unha pequena síntese de varias curiosidades das que se fala nel.
A reportaxe trata o tema do caro que é o acceso á cultura en España: o prezo dos libros, CD´s de música, entradas a concertos, ir ao cine, viaxar, etc. Propóñense varias alternativas de baixo ou ningún custo para poder acceder á espectáculos, cultura, etc.
SinDinero, web na que se informa sobre actividades culturais, formativas, educativas… Os prezos son moi reducidos, gratis ou tamén funciona o troque (favor por favor). Este último punto é interesante para aventureiros aos que lles guste viaxar e coñecer xente. Axuda a poñer en contacto a xente de distintos lugares que estén dispostos a intercambiar axuda á hora de viaxar. Desde intercambios de aloxamento ata a posibilidade de traballar unhas cantas horas, a cambio de aloxamento e comida. Club de Hospitalidad, Welcometraveller, Ecosalvia son algunhas das direccións que se linkean.
Yomango, sorprendeume encontrar unha proposta así nunca publicación dirixida á xuventude e patrocinada pola Xunta de Galicia, senon directamente, sí a través da publicidade, xa que a mayor parte dos anuncios son institucionais. O deseño da páxina gustoume moito. Botádelle un ollo ás 10 suxerencias para un estilo de vida YOMANGO. Na revista din literalmente desta web: “web que compre visitar ainda que non se estea de acordo co que alí se conta” “defende un xeito alternativo de adquisición de tanxibles e intanxibles: aquel que fai necesario o uso de chaquetas folgadas e calzado para correr”. [Esta última conclusión do redactor, merecería un post enteiro para analizala. Esa diplomacia e delicadeza que emprega á hora de describir a que se dedica a páxina, ese dominio dos sinónimos (“xeito alternativo de adquisición”)].
Asociación Cultural M.A.L., adícanse a organizar actividades que fomenten a cultura libre e o copyleft. Nesta web informan sobre concertos, sitios onde baixar de balde traballos libres de dereitos, guias sobre cultura libre descargables, libros, etc.
Para rematar o repaso, o célebre BookCrossing, de intercambio de libros deixándoos “abandonados” en recunchos das cidades. Por certo, en Pontevedra non hai libros que “cazar”, sí hai en Ourense, A Coruña e Lugo. O máis interesante da web, ó meu ver, é que se ti rexistras un libro teu e despois o “liberas” nalgún sitio (que indicas na web), podes seguir o seu deambular polo mundo de man en man. [Vou tentar liberar un a nome de Hijos de la Comuna en Pontevedra]
[ana díaz pérez]