Galicia en hora con Canarias, Portugal e Inglaterra, si ou non?
O debate está na rúa. E sobre todo nos medios de comunicación, onde como non podía ser doutro xeito Internet ten unha importancia notoria. Iso si, parece que de momento non está na axenda política da Xunta.
Dende que o BNG, na súa última Asemblea Nacional, falou da posibilidade de cambiar o fuso horario galego para acadar un maior aforro enerxético, ríos e ríos de tinta teñen corrido. E seguirán correndo.
Levo escoitado tertulias, visto reportaxes e lido artículos de opinión do máis variopinto e con pensamentos diverxentes. Indudablemente, é case seguro que o BNG, a través dun militante ourensán, non propuxo isto como unha maneira soamente de aforro. É máis que posible que tamén haxa un transfondo político, pero fóra diso eu penso que é un tema do que se pode discutir e debatir, sen caer en tonterías, "coñas marineras" e descalificacións como xa fixeron algúns destacados contertulios e columnistas. O máis notorio foi o caso do editor de La Voz de Galicia, Don Roberto L. Blanco Valdés co que non é habitual que coincidía en moitas cousas, pero sempre me pareceu unha persoa bastante racional, que expresa a súa opinión acerca das cousas de xeito coherente. Neste caso parece que o que di está fóra de toda lóxica. O mesmo fixo Jenaro Castro en El Progreso, antigo presentador da Primeira e Manuel Jabois (artigo, "La Máquina del Tiempo" do 4 de decembro). Ao igual que a habitual carta á Sr. Lola do Diario de Pontevedra. Da a impresión de que non querer debatir e por iso recurren a evasivas e caralladas (permítaseme a expresión).
Eu penso que se pode estar a favor ou en contra, pero esta xente por vir de onde ven a proposta só pensa en facer o chiste e quedar moi ben. Non señores, non. Pódese estar en desacordo coa proposta, evidentemente que se pode. Pero coa súa actitude de tomarse todo a chiste, demostrando unha actitude totalmente incoherente vido de destacados columnistas paréceme a min que están amosando parte da súa intransixencia e que non teñen argumentos para debatir. Pódese estar, como digo, en contra sen caer nos argumentos dos tres anteriores. Aí está o exemplo de Lois Blanco. Posiciónase en contra porque vai perder os atardeceres máis longos do mundo (por certo, pedazo atardecer que teño ás miñas costas nestes intres: o ceo limpo con catro rastros alongados de nubes e cuns tonos vermellos que é unha preciosidade digna de fotografía). Pareceme correcto. Eu tamén son máis ou menos da súa opinión. Xa me deprime dabondo que ás 17:30 sexa de noite en Novembro, como para que o sexa ás 16:30. Normal que os portugueses teñan os fados. Menos mal que hoxe xa estamos no 13 de decembro (Santa Lucía, aproveitade agora que o sabedes para felicitar as donas deste bonito nome, se aínda non o fixechedes) e como dicía a miña avoa: por Santa Lucía, mengua a noite e crece o día.
Outros, pola contra, amósanse a favor do cambio e, incluso, falan de que se debe extender a todo o territorio estatal (se dende o BNG falaran disto na Asemblea, ao mellor non se lle vían -ou mellor dito, non se lle supoñían- os tintes políticos). Aí está o caso de Xavier Alcalá (manchego que veu para Galicia hai moitos anos, soubo convivir co galego e incluso se fixo un mestre del a pesar de vivir no Ferrol, onde non ten presencia maioritaría a lingua galega) ou o presidente da Comisión nacional para a racionalización dos horarios españois e a sua adecuación ó ambito europeo, D. Ignacio Buqueres y Bach.
A destacar a lúcida exposición que fai Xosé Manuel Pereiro (é o que pon voz, habitualmente, ás reportaxes de investigación feitas pola TVE-Galicia como a do Prestige; seguro que coñecedes a súa voz). Chega á conclusión na súa columna de que a petición do fuso horario galego lle viu ben a todo o mundo. Comulgo con el.
Para resumir. Unha cousa está clara, ou máis ben dúas están claras. Por unha banda aforraríamos enerxía e, pola outra, isto sería un desbaraxuste (sobre todo en zonas limítrofes con Castela e Asturias) ao que se habería que habituar. Dígovolo eu que teño a experiencia de Canarias onde os horarios da Tv que viñan nos xornais e nas revistas eran unha comedia.
Pero de todo o que levo escoitando o que máis me chamou a atención e, penso, que é o máis importante foi o tema da saúde. Parece que a hora é moi importante para os biorritmos do noso corpo. E, neste momento, imos dúas horas por diante do sol (deberíamos de ter dúas horas menos) así que ao mellor se había que pensar o de mudar o fuso horario se redunda en beneficio da nosa propia saúde. O contraargumente ao que dicía Lois Blanco está claro e tamén me aplico o conto. A conta de perder os atardeceres máis tardíos de Europa, gañaríamos en que sería día moito antes e o de deitarse con noite e levantarse con noite é unha lousa dura de levar coa que se acabaría.
A vós que vos parece isto comuneros? Cal é a vosa opinión?
PS: Xa vos adianto cal vai ser o vindeiro debate. Trocar os festivos que caían no medio de semana para os luns, co obxectivo de evitar viaductos como o da semana pasada. Aquí na tertulia radiofónica que escoitei o luns, todos os contertulios se posicionaron a favor. Incluso, os hostaleiros que parecía que podían ser os máis disgustados coa idea.
Saúde.
Mighelinho


marquinhos dijo
a min o de deitarme e levantarme de noite non me desgusta de todo XD
14 Diciembre 2006 | 05:10 PM