Mañá seica ven sendo o día da Saúde. Dino aqueles aos que nos lles toca a lotaría (seino, sona moi estraño), o Gordo de Nadal. Non deixa de ser peculiar este sorteo. A min traeme moi bos recordos. O sorteo estraordinario de Nadal solía coincidir co remate das clases. Cando o 22 de decembro xa non había clase, confeso que me levantaba cedo para ver e, sobre todo, escoitar como caían as bolas nos dous bombos. O xeito en como o facían no grande era un espectáculo. E non se quedaba aquí, espectaculares tamén eran as colas para conseguir sitio e o xeito no que algúns acudían ao salón de sorteos de Loterías y Apuestas del Estado.

Para o sorteo deste ano preséntanse algunhas novidades. Os bombos e as bolas van ser novas, ao igual que a imaxe dos nenos de San Ildefonso.

Outra das cousas que sempre me fixo gracia é a singular maneira que teñen moitas persoas de escoller os números que pensan que van resultar agraciados: dende o nacemento dun familiar cercano (véxase fillo), á morte dun famoso, pasando polo día dun éxito do club deportivo dos seus amores ou -incrible- o día no que ETA anunciou o seu alto ao lume permanente (permítaseme a traducción); así como o lugar onde realizan as compras. Galicia polas riadas e os incendios parece que foi, este ano, un lugar moi demandando na merca de números. A ver se a sorte non emigrou, de todo, e queda algo para nós.

Polo de pronto, nun debate feito na edición dixital de La Voz de Galica, o 64% dos galegos non deixaría o seu traballo no caso de que lle tocase o Gordo. Noutro estudio feito por unha empresa dedicada á venda de lotería por Internet, www.ventura24.es, o 73% dos españois afirmou que tampouco o faría. Lóxico, porque ou tes unha serie enteira ou o premio tampouco é unha tolemia, como pode ser no caso dos Euromillóns ou a Quiniela.

Pero a min ocúrreseme unha reflexión. Xa que estamos nestas datas nas que -según parece- se dispara a solidariedade, ao igual que un consumismo desaforado, eu fágome unha pregunta. Por que o Organismo Nacional de Loterías (organismo público) non depara un 0,7 % (por poñer unha cifra) aos máis necesitados do noso país ou do estranxeiro? Dame igual o lugar de destino destes cartos. Por que non se propón unha medida así? Sería un xeito de ser solidarios, na que todo o mundo podería participar sen poñer trabas ou sen ter que facer un esforzo por facelo.

Como algún que outro mentalista, eu fago a miña aposta. Mañá sairá agraciado este número.

O dito, sorte para os que xoguen algo e no caso de que non toque, moita saúde que é o que realmente conta nesta vida. Esto último tanto para os que xoguen como para os que non.

Un saúdo.

Mighelinho