Para que ninguén diga que neste blog só criticamos a políticos de dereitas, aquí vos deixo unha ligazón a un artigo que publicaba hai unha semana en Vieiros Encarna Otero, a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.
Nel, a súa autora opúñase publicamente á reforma da lei de Función Pública e especialmente á polémica disposición adicional 17, pola que se fixa un complemento salarial para os altos cargos por unha cantidade de 14.721 euros ata a xubilación, medida que tilda de "privilexio e polo tanto mal uso do diñeiro público e contrario a práctica democrática que a política e a ética me esixe como militante, como galega e como funcionaria pública" e fai ós seus compañeiros un "chamamento a desobediencia política no acatamento desta norma e a insubmisión económica como criterio ético para deste xeito contribuír a que Galiza e o seu Goberno sexan mostra de ética rexenerativa". Unha decisión ó meu entender, especialmente plausible e valente, máis tendo en conta os tempos que corren.
Ata aquí todo moi ben. Nada que, como sinala o título da entrada, ou as primeiras liñas,poida ser obxecto de crítica...
Sen embargo, esta austera funcionaria non sabía que ela soa sería capaz de poñer dacordo ás tres forzas políticas máis votadas da nosa comunidade, xa que non se fixeron esperar as reaccións de membros do PPdeG e PSdeG que criticaron duramente as palabras de Otero. Ata o propio BNG non se manifestou ó respecto (quen cala outorga, entendo eu) e tampouco propuxo enmenda algunha a esta reforma da lei de Función Pública.
Xa vedes, aquí son poucos os que se salvan, e os que se atreven a dar un paso adiante, como é o caso, moitas veces esnáfranse de fronte contra a avaricia dos outros. Espero que o artigo vos faga reflexionar. Será Encarna Otero unha illa no medio da clase política galega?
Dende aquí, e con poucas esperanzas de que a iniciativa de Otero saia adiante, non podo facer outra cousa que non sexa felicitala pola súa iniciativa e o seu exercicio de ética política-profesional máis que demostrada. Os meus parabéns. Oxalá cunda o exemplo.
Un saúdo,
marquinhos


A min esa disposición paréceme un auténtico despilfarro económico que temos que pagar todos os galegos. E agora aínda non é nada, pero esperade cando pasen vinte anos e a xente vaia cambiando e haxa que pagarlle a moitos ata a súa xubilación. O mellor que podería facer un sería coller o posto con vintepoucos anos, ser alto cargo uns anos (o difícil sería chegar) e despois vivir a vida con eses máis de 14.000 euros e algo que poidas chupar doutros lados.
O BNG cala e outorga porque se eso foi votado no Parlamento, saiu adiante imaxino que cos seus votos (aínda que se se xuntaban PP e PSOE tamén tiñan maioría). No caso hipotético de que o que está entre paréntesis se producise non vos preocupades que o haberíamos saber, ben a través de Quintana, ou ben a través dos incendiarios Bieito Lobeira ou Carlos Aymerich, que cargarían as tintas contra PP e PSOE. Así que, deduzo que tamén están de acordo. Supoño que, como algún dos comentarios do artigo de Vieiros, quere deixar caer, moitos destes altos cargos cederan este soldo ao seu partido e así todos contentos. E por eso votarían a favor, máis que nada, xa que é un bo xeito de autofinanciarse a costa de todos nós.
Un saúdo.