O prometido é debeda. Tiña falado con algún de vós a idea de subir esta entrada ao blog e aquí vos vai. Fágoo desde o punto de vista de que sodes moitos os que estades metidos no mundo da publicidade e da xestión e inserción de cartos en publicidade, xa sexa nos medios que sexan e do tipo que sexan.
Pero vou ao tema que xa estou escribindo de máis. É de todos ben sabido a aposta que fixo o equipo de Feijoo durante a campaña electoral das últimas eleccións autonómicas. Vender algo de fume e facer a súa a bandeira do apoio ás industrias galegas. Véxase como exemplo máis claro o tema dos Audi vs Citröen.
Ben, pois parece que lles durou pouco este razoamento de mellor comprar ou investir en empresas da casa que facelo nas de fóra. Hai unhas semanas adxudicáronse os preto de 550.000 euros que servirán para desenvolver creativamente e executar a campaña de publicidade en medios de comunicación do Xacobeo 2010. Estamos falando de bastantes cartos, un gran pico para unha empresa do ámbito publicitario galego. Mais, a gañadora entre as 24 propostas presentadas a concurso foi unha empresa de Madrid, a pesar de que 16 delas eran galegas.
Non obstante, o máis curioso prodúcese cando se mira o concurso de méritos. A empresa Ruiz Nicoli Líneas, S.L., a gañadora, recibe unha puntuación impresionante no capítulo de orixinalidade (45 sobre 50). A que máis preto quedou foi EURO RSCG Worldwide, que obtivo 34 puntos. Lonxe quedan os terceiros: Pavlov S.L. e Villar y Rosás Agencia de Publicidad S.LL., con 26 puntos. Os amigos da campaña de Gadisa, BAP Conde, aínda ficaron máis lonxe (17 puntos). Dito isto, frótome as mans coa campaña que nos van ofrecer os publicitarios madrileños. Se cadra, a campaña máis orixinal da historia, a tenor da puntuación. Agardo que o sinalar co dedo non tivese algo que ver e tamén espero que saiban conectar coa idisiocrancia galega e a saiban exportar cara o exterior. Non é fácil.
Pero volvo a facerme pregunta. Se os do Audi con Fraga pasaron a apostar polo Citröen, por que agora non pensaron en apostar polas axencias galegas? Non son tan validas como as demais, ou? (esta pregunta vista desde a óptica que é certo que as grandes axencias están fóra de aquí, pero tamén se podería pensar en dividir a oferta).
Ollo, todo este último razoamento é feito desde a visión do PP nas eleccións. Non a miña, quede claro. Foron eles os que apostaron por Citröen, porque ten unha planta en Vigo, e non por Opel, que a ten en Figueruelas (Aragón).
Un saúdo.
Miguelinho.


O razoamento é perfecto, pero a que canto apostamos que esa axencia ten algo de relación co PP. Como cheira.
¿Por que os medios de comunicación non se afanan en denunciar esto? Vos, os periodistas tamén tíñades que mirar por estas cousas... Pero claro... os medios de comunicación galegos andan ocupados noutros frentes...
Eu creo que o patriotismo galego é unha especie de atributo que políticos, medios de comunicación e empresas de Galicia abanderan cando lles interesa e cando non lles interesa desenténdense... Xa veredes este ano co rollo do Xacobeo (e as rebaixas fiscais que ten) cantas empresas sacan peito de ser galegas...
E como non temos memoria para estas cousas e nos olvidamos pronto de todo... pois non pasa nada...
alguén sabe qué empresa (madrileña, deso estou seguro) levou a campaña do PP nas eleccións? esa de FEIJ009?
a nivel medios levouna punto norte, unha axencia de santiago(a páxina era www.puntonortepublicidad.com, pero parece que xa non vai). pero non sei se toda a campaña correu ao seu cargo
a mesma merda noutro patio, e sempre damos coa mesma pedra, unha aperta dende outro país.